O Camiño pasa por Outes
Por Outes pasa o Camiño Xacobeo da Ría de Muros e Noia, declarado ruta oficial pola Catedral de Santiago en 2020. Nace no mar, en Muros e Porto do Son, e avanza pola ría ata xuntarse en Outes.
A un paso da casa, o Camiño cruza o río Tambre pola Ponte Nafonso —unha ponte de orixe medieval que une Outes e Noia— e continúa por Lousame, Rois, Brión e Ames ata a Praza do Obradoiro, en Santiago.
Na páxina oficial do Camiño da Ría de Muros e Noia podes ver por onde vai a ruta e descargar os tracks, os perfís e a guía das etapas.
Web oficial do Camiño ↗
Ata o quilómetro 0, en Fisterra
Moitos peregrinos prolongan o Camiño cara a Fisterra e Muxía, seguindo a antiga ruta ata o bordo do Atlántico; a nova "Volta de Gloria" xa enlaza este Camiño da ría co de Fisterra-Muxía.
Camiña ata o quilómetro 0, na Costa da Morte, e completa fronte ao faro de Fisterra unha das experiencias máis fermosas do noroeste peninsular.